:
Actividade 1 (previa á visita) :
Trataríase de que os alumnos e
alumnas repasasen os contidos relativos ó ciclo da auga e á súa
acción xeolóxica en base a cuestionarios como o seguinte:
a) Describe o percorrido que pode
facer a auga na superficie do noso planeta. ¿ Cales son as forzas que
poñen en marcha esta viaxe da auga?.
b) ¿Que accións realiza a auga
cando vai pola superficie da Terra? ¿Que consecuencias traen esas
accións?
Actividade 2 : No propio terreo
(Trátase de que os nenos e nenas
identifiquen a zona como un acúmulo de sedimentos e se familiaricen coa
toma de mostras dun xeito sistemático e ordeado.)
a) ¿De que esta feito o desmonte
que tes diante? ¿Que forma teñen os compoñentes? Obsérvaos cunha
lupa ¿A qué será debida?. Este desmonte ¿é una masa compacta ou se
desfai en partículas?.
b) Achégate cos teus compañeiros
de grupo ó pe do desmonte e coa axuda dunha pá de xardineiro ou un
instrumento similar, collede tres mostras de material , cada unha na
súa bolsa, a tres alturas diferentes.
Actividade 3: posterior á saída
, no laboratorio
( Neste momento preténdese que o
alumnado identifique os distintos tipos de sedimentos das mostras, e a
distinta enerxía que necesita una corrente de auga para transportalos,
e tamén que ese transporte foi longo polo desgaste que presentan os
cantos maiores)
a) Colle as mostras que trouxeches,
e xunto cos compañeiros, coa axuda de peneiras e algo de auga separade
as partículas de cada mostra por tamaños. Facede una gráfica que
represente os datos de abundancia de cada tamaño para cada mostra ¿Hai
algunha diferencia entre as mostras?. En caso afirmativo, da algunha
explicación
b)Estudia agora cun “pé de rei”
o tamaño das gravas mas grandes. Mídelle o diámetro en distintas
posicións. Tendo en conta as medidas que che saen . ¿Estes cantos son
esféricos ou alongados?.
¿ Coincide esto coa túa primeira
impresión no campo?
c) Agora que tes separadas as
partículas por tamaños, enche 2 recipientes anchos e pouco fondos , un
con gravas secas, outro con areas das mais finas, secas tamén. Pon cada
recipiente debaixo dunha billa de auga . Vai abrindo a billa a modo,
aumentando a cantidade de auga ata que logres que se fagan surcos e se
mova material ¿Con que mostra tiveches que deixar correr a auga con
mais forza? ¿Que podes deducir da corrente de auga que formou o
desmonte á vista destes datos ?
3º de Eso
Actividade 1: Previa á visita
Trataríase de facer un repaso na
clase da acción da auga, introducir os conceptos de erosión e
meteorización, solo e sedimento, ben coa axuda do libro de texto, ou
ben con outros recursos como vídeos ( “La erosión que nivela la
Tierra”, da colección Enciclopedia Británica, por exemplo).
Actividade 2 : No propio terreno
(Como a intención é mostrarlles
as diferencias entre materiais meteorizados e outros que son froito da
erosión e transporte , levaremos ós alumnos e alumnas a un enclave a
100 m do desmonte das Barreiras. Trátase da explanada- aparcamento que
hai no cruce da Rúa da Estación, ó seu escomenzo, coa antigua estrada
xeral Cesures -Vilagarcía. Este desmonte corresponde cun afloramento de
granito de duas micas migmatítico bastante meteorizado)
a) Fai un debuxo esquemático do
desmonte que tes diante, indicando as diferentes capas ou seccións que
distingas. ¿Como están ordeadas?
(Despois de deixarlles un tempo
breve, faiselles a aclaración de que tiñan que ter identificadas polo
menos 2 capas, mais ou menos horizontais, que poderíamos identificar
como horizontes dun solo pouco maduro, unha superficial, mais escura
onde medran as raíces, e o que sería a parte baixa do desmonte, de cor
ocre mais crara. A continuación lles propoñemos as seguintes
cuestións).
b) Fíxate agora na capa ocre mais
baixa. ¿ É doada de desfacer ou ofrece resistencia? ¿De que esta
feita esta capa? ¿Podes recoñecer algún mineral? ¿Qué contorno
teñen os granos que atopas?
Actividade 3 : No propio terreo,
na zona de Barreiras
(Preténdese agora que comparen
estes materiais cos anteriores e que cheguen a interpretar que se trata
dun material que sufriu transporte antes de depositarse nese lugar)
a) Fai agora tamén un debuxo das
capas de materiais que ves, e como se dispoñen . Achégate tamén a
coller mostras e comproba se o terreno ofrece ou non resistencia a
desfacerse, e cómo son os compoñentes ( forma, tamaño ).
b) ¿Que diferencias atopas entre
o terreno da parada anterior e esta? . Formulade en grupos a que se
deberán estas diferencias e contrastade as vosas hipóteses.
Actividade 4: No laboratorio,
despois da saída
Trataríase de explicar como se
chegaron a formar os tipos de sedimentos como os das Barreiras. Para
este fin poderíamos valernos da experiencia do canle circular e a do
tanque de ondas que aparecen descritas no libro “Traballando coas
Ciencias da Terra” (consultar bibliografía ó final do artigo)
4º de ESO
Actividade 1: Previa á saída (
recomendable que se faga despois de que se teñan tratado os contidos de
xeodinámica interna, pregos e fallas, e as glaciacións na historia da
Terra)
Trataríase de que os alumnos e
alumnas se familiarizasen co mapa topográfico e xeolóxico da zona,
elementos dos que constan, aplicacións, a un nivel moi básico. Tamén
pódese traballar un pouco o manexo do compás para a orientación nun
itinerario.
Actividade 2 : No propio terreo,
nas Barreiras
a) Coa axuda dos demais membros do
teu grupo, localiza no mapa topográfico o punto exacto onde estades.
b) Tendo en conta a escala do mapa
e os metros de lonxitude que ten a parte visible do afloramento ¿Cantos
milímetros ou centímetros ocuparía sobre o mapa a zona que ves ?
c) Os materiais que observades,
son cantos (xogas), gravas, e areas de diferentes tamaños .Pola forma
que presentan e a súa disposición, semellan ter sido arrastrados pola
corrente dun río ou dun torrente. Localizade no mapa topográfico os
ríos mais cercanos á zona e anota a que altitude están, mais a
altitude da zona en que estades. Logo consultade no mapa xeolóxico que
zonas ocupan os sedimentos dos ríos cercanos, e se eses depósitos
chegan ata esta zona. Tendo en conta todo isto , os depósitos que tedes
diante ¿ foron transportados ata aquí por eses ríos ? . Razonade a
resposta e poñédea en común cos demais compañeiros.
Actividade 3 : Posterior á saída.
Consistiría nunha investigación
bibliográfica, en textos axeitados para a idade, do que é una terraza
fluvial e a súa orixe. A partir dela , os alumnos e alumnas
verificarían se as súas opinións no campo eran válidas.
Xeoloxía de COU ou materias
equivalentes en Bacharelato
Non se plantexan actividades
específicas previas á saída, pero con anterioridade noutros temas,
téñense tratado os contidos relativos a estructuras sedimentarias,
influencias do axente de transporte no sedimento, e algo de Xeoloxía de
Galicia. Igualmente o alumnado ten traballado noutras prácticas
anteriores cos mapas xeolóxicos e topográficos.
Actividade 1:
Tendo en conta o tamaño, forma e
disposición dos sedimentos ¿Que tipo de axente dou lugar a este
depósito?. Razonade a resposta
Describide as estructuras
sedimentarias que atopes no afloramento, e o xeito en que se poideron
formar
Buscade un punto do afloramento
onde poidades definir un plano de estratificación Medide o buzamento e
dirección dese plano coa axuda dun compás de xeólogo con clinómetro.
¿Coinciden os vosos datos cos dos outros grupos? Debatide sobre os
resultados.
Sobre o mapa topográfico tratade
de delimitar a zona de afloramento, tendo en conta a escala do mapa, e
as dimensións a escala real do afloramento.
Como vedes, o afloramento está
formado por materiais non cementados. Nos anos 70 a zona foi explotada
como canteira de gravas. Ó deixar de ser activa como tal, foi volta a
encher en certas zonas. Tratade de delimitar a zona de recheo e os
materiais empregados para o mesmo.
Facede unha lista dos actuais usos
do terreo
Achegádevos ata a zona mais baixa
do afloramento, onde se sitúa un muro de contención. Agora que xa
tedes algúns datos ó respecto, enumerade os impactos, riscos e
intervencións que vexades neste afloramento. Facede algún comentario
crítico en torno a isto.
Actividade 2 : Posterior á saída
a)Cos datos recollidos na saída e
os aportados polos mapas xeolóxicos ( follas 120- Padrón-, e 152 -
Vilagarcía de Arousa) realizade un corte xeolóxico aproximado, onde se
represente a situación do afloramento con respecto ós outros materiais.
b) Á vista do corte realizado, e
das observacións no campo, tratade de describir una breve historia
xeolóxica da zona.