Os petroglifos de Catoira
(por Angeles Sendón)

     
 

Pedra das Tixolas

 

     
 

Os grabados ruprestes ó aire libre constitúen un tema moi importante de Galicia xa que son unha manifestación moi peculiar desta área. O seu estudo plantexou e plantexa fondos problemas, como o da cronoloxía, cuestión iconolóxica, etc.

En xeral, os petroglifos galegos caracterízanse polo tema das combinacións circulares, sendo escasas as representacións de tipo figurativo- naturalista. DE LA PEÑA e VÁZQUEZ VARELA (1979) observan que no tocantes a técnica empregada na confección dos grabados, diferéncianse dous tipos: aqueles nos que os surcos presentan unha sección transversal en forma de V con bordes moi angulosos, e que nos falan dunha relativa modernidade, e aqueles nos que a sección transversal é en U moi aberto e que é técnica predominante e seica máis antigua.

No tocantes á cronoloxía, os grabados van- segundo os motivos- dende un momento posterior á Cultura Megalítica e anterior á Cultura Castreña, ata épocas medievais ou modernas.

A temática que presentan os diversos petroglifos existentes en Catoira, son cazoletas, círculos sinxelos e combinacións circulares.

As cazoletas poderían ter moi diferente significado segundo o contexto no que aparezan. A cronoloxía tamén depende, pois se ben poden constituir parte da arte rupestre prehistórica, tamén hai representación de cazoletas sobre os marcos que sinalaban os límites territoriais, xa en momentos plenamente históricos.

O das combinacións circulares é o tema máis característico da arte rupestre prehistórica galega. Quizabes estas representacións teñan un carácter simbólico- relixioso.

     
  Os petroglifos existentes no Municipio de Catoira son:
  Ø Parroquia de San Miguel de Catoira

Catro grupos:

§ Un grupo formado por cazoletas, preto da Torre de Barral.

§ Outro grupo en Aragunde, hoxe emprazado no muro da casa de Jesús Riveiro (hoxe xa de Manuel Riveiro). Procede dunha finca chamada A Tallariña, que está a 200 metros ó Oeste da casa. Non ten máis cos círculos concéntricos e as cazoletas.

§ Distintos autores a existencia de dous grupos de petroglifos ó Norte do campo de Fútbol con combinacións circulares, cazoletas e círculos sinxelos. Estes dous grupos presentan problemas: en primeiro lugar, o problema do seu emprazamento, xa que ó norte do campo de fútbol xa pertence á parroquia de Santa Baia; por outro lado o feito de que pouca xente os atopou.

Ø Parroquia de Santa Baia

§ Tres grupos de petroglifos, segundo a referencia verbal do seu descubridor Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza.

Ø Parroquia de Abalo

§ Petroglifo denominado "A pedra das Tixolas" que se acha preto do lugar de Cores. Os motivos representados son círculos e cazoletas. Os diversos informantes comunicáronnos que debaixo desta laxe había cerámica, xa que se escarvou algunha vez.

A orientación dos motivos é distinta segundo en que parte estea na laxe: en liñas xerais pódese dicir que hai como tres partes, de norte a sur: as primeiras orientadas ó norte, as da segunda parte ó Oeste e as da terceira ó sur.

A importancia deste petroglifo radica en:

1.- Ó inédito: no inventario dos grabados rupestres da provincia de pontevedra non se cita, mentres que tódolos demáis aparecen sinalados.

2.- É o máis rico dos observados, xa que os motivos representados son combinacións circulares e cazoletas, e mesmo algunha cruz, aínda que este motivo xa parece máis recente.

A desaparición deste petroglifo é inminente xa que se destruiu parte da laxe, sendo que tamén tiña insculturas: a laxe estase aproveitando para fins constructivos.

PEDRA DAS TIXOLAS

Localización: San mamed de Abalo.

Coordenadas: 42º 38' 26'' N. - 8º 43' 52'' W.

Acceso: estrada comarcal 550 de Pontecesures a Vilagarcía. Á altura do Km 13 cóllese unha desviación á esquerda que leva a Abalo. Tras medio Km de percorrido cóllese unha nova desviación á dereita que conduce o Pazo de a Baeira, dende aquí, sóbese por unha pista ó monte, e ascendendo, a un Km chégase ó petroglifo situado na marxe do camiño.

Adscripción cultural: Idade de Bornce.

Adscripción tipolóxica: representación gráfica.

Descripción: situado na ladeira do monte, nunha roca de forma elíptica dunhas dimensión de:

Largo no seu eixe maior: 4,50 m.

Largo no seu eixe menor: 3 m.

A súa decoración é moi complexa, con motivos decorativos que forman composicións ata hoxe inéditas. Os motivos decorativos son círculos e cazoletas, cazoletas e círculos concéntricos, líneas sinxelas que se asemellan ás notas musicais.


FINCA TALEIRIÑA

Localización: Aragunde, S. Miguel de Catoira.

Coordenadas: 42º 39' 43'' N. - 8º 42' 42'' W.

Acceso: estrada comarcal 550, no Km 9,5 frente o Concello, cóllese o desvío a esquerda que nos leva a Catoira de Arriba, lugar de Aragunde onde se atopa a casa de D. Jesús Riveiro. No seu patio atópase este xacemento.

Adscripción cultural: Idade de Bronce.

Adscripción tipolóxica: representación gráfica.

Descripción: o petroglifo está formando parte dun muro da vivenda. A pedra que forma parte do muro ten unhas dimensións aproximadas de 2 por 1,5 metros.

O motivo de decoración é de círculos sinxelos e concéntricos, cazoletas e círculos grandes que envolven ós anteriores.


CAMPO DE FÚTBOL

Localización: As Lombas.

Coordenadas: 42º 49' 35'' N. - 8º 43' 53'' W.

Acceso: está formado por dous grupos de círculos concéntricos, cazoletas e círculos sinxelos.


OUTEIRO DE BARRAL

Localización: Barral.

Coordenadas. 42º 38' 49'' N. - 8º 42' 56'' W.

Acceso: estrada C- 550 de Pontecesures a Vilagarcía, á altura do kilómetro 9 cóllese un cruce á esquerda que leva ó lugar de Barral, ó final desta pista chégase a un camiño que leva á roca onde está o petroglifo. A uns 250 m máis adiante atópase un segundo grupo de petroglifos.

Adscripción cultural: Idade de Bronce.

Adscripción tipolóxica: representación gráfica.

Descripción: afloramento rocoso de granito nunha pequena loma no lugar de Barral. Actualmente utilízase para pastos e cultivos, sendo propiedade particular e comunal.

Apareceron fragmentos de tellas e cerámica de cor gris, medievais. Trátase de dous afloramentos rocosos distantes a uns 250 m. no primeiro grupo son cinco pedras con representación gráfica. As súas medidas oscilan entre 3,20 por 2,50 metros para a máis alta, e 1,20 por 1 metro a máis pequena. O motivo representado é de cazoletas.

O segundo grupo, formado por unha sola pedra colmatada de terra en varias partes. O motivo decorativo é de cazoletas. Ó pé deste afloramento, cerca do camiño e paralelo a este atópase unha inzcripción alterada na que se pode ler: --- A V SS (T) D V (NON) II II. As letras en parénteses son dudosas. As dimensións son de 12 por 17 cm.

     
   

     

Indice Xeral

   

© E.L.