Resposta a cinco concelleiros do PSOE de Catoira
Por Xosé R. Paz Tarrio

 
 

MISIL, NON MISIVA

Máis que unha misiva para un megalómano  (mira que che é rebuscada a palabra), o escrito firmado polos cinco concelleiros do grupo municipal socialista de Catoira  parece un misil lanzado co obxectivo equivocado. Porque se miramos o dicionario, “megalomanía” é  un estado psicopatolóxico  caracterizado por delirios de riqueza, poder ou omnipotencia, asociado, a menudo,  a delirios de grandeza e a  unha obsesión compulsiva por ter o control de todo. A palabra deriva de ''manía'' significando loucura e de megalo significando unha obsesión con grandiosidade e extravagancia .   Pois ben señoras/es, ou non manexan ben o dicionario ou ben se equivocaron de persoa, porque ao  que suscribe  importánlle os cartos o xusto, como é público e notorio, e o poder evítao (só é secretario dunha comunidade de montes, e porque non había voluntarios que quixesen selo). Omnipotente,  tampouco se lle pode chamar a unha persoa que trata de comportarse con sinxeleza e humildade, sen cargos  nin diñeiro que ofrecer. Claro que, se miran ao redor e  moi pretiño de vostedes,  igual atopan   á persoa que se corresponde, como anel ao dedo, con ese duro adxectivo, sempre e cando lle quitemos o compoñente de loucura que parece demasiado forte e fóra de lugar. Se o que pretendían con ese “escrito”  era desacreditarme e  facerme dano por atreverme a opinar libremente (nun pobo onde moita xente inda ten medo a dicir - ou firmar- o que pensa) e por criticar o que están  a facer na Fonte Gaiteira, teño que dicirlles, con todo o respecto e cariño,  que non o van a lograr. Aos meus anos son como un paxariño que, voando solto, fago en cada momento o que creo máis conveniente para o ben dos que me rodean e nin vostedes nin o seu xefe político son quen de impedirmo.   A miña honestidade e a miña entrega familiar , profesional e social son ben coñecidas e carecen vostedes de capacidade para poñelas en cuestión.

En canto ao escrito en sí, se descalifica por si só e non merece moito comentario. O que vostedes estiman como infraestrutura imprescindible-UN MEGAMULTIUSOS- é algo moi discutible para os tempos que corren. Arranxar e ampliar a actual Casa do Concello,  ese xenuíno  exemplo de feísmo urbanístico institucional coñecido en todo Galicia ao través dun riguroso estudio feito recentemente por un dos  xornais de máis tirada, iso si que é prioritario.  Facer unha nova onde, ademais de ubicar oficinas, un cómodo e amplio despacho para o sr. Alcalde, outros despachos, salas de exposicións…, se instalaría a biblioteca e o telecentro é ,simple e llanamente, un despilfarro. Son aires de grandeza. Que pensan facer coas instalacións actuais? No que se refiere ao auditorio o que suscribe dixo que cunha ubicación e unhas dimensións axeitadas ben podería ser, inda que,  dados os elevados costes das súas programacións e as dificultades para enchelos, habería que meditar ben a súa  pertinencia ou non. Non vaia a pasar coma moitos exemplos de instalacións millonarias feitas con cartos públicos por todo o noso país que están a morrer de risa como o mesmo xornal citado nos mostraba hai uns días. E en Catoira tamén algunha hai.   No tocante a respostarme a min, autor, a título personal e na súa única condición de veciño, dos escritos de opinión que deron lugar a esa pouco atinada  resposta dos concelleiros,  meténdose á vez coa forza política na que con todo o orgullo milito, indica ou  carencia de recursos  dialécticos ou deixarse malaconsellar por quenes, tendo todo o poder, non dan a cara. Por certo, por que non asinou a “misiva” o sexto membro do equipo de goberno?

Por útimo, afirmar que algunhas das signaturas que se entregaron en defensa da Fonte Gaiteira  son da Plataforma “Salva o tren”, como vostedes fan, é algo moi grave e que terán que probar ou rectificar públicamente. Asimesmo, facer un estudio tan detallado de cantos e quenes estamparon a súa firma é un fiel reflexo do seu”talante” intimidatorio, clientelar e controlador. Ah!, que uns concelleiros non saiban que esa megalómana obra consta de catro plantas, como se desprende da maqueta exposta ao público ou do ostentoso e caro cartel posto a pé de obra, indica que  ou se preocupan pouco do seu traballo como concelleiros ou que, por ir enterrada, non vexan o que na memoria do anteproxecto chaman literalmente coma planta semisoto de 1.614 m/2. (segundo o cartel  1.599). RAMIRO PAZ PODE EQUIVOCARSE, señoras/es, PERO NON MINTE. Quenes minten coma chinos (mellor coreanos) son vostedes, con perdón para a xente destes pobos que merece toda a miña consideración.

En Catoira, a 1 de decembro de 2008-11-29

Asdo: JOSÉ  RAMIRO PAZ TARRÍO, VECIÑO DE CATOIRA.