|
FONTE GAITEIRA Catoira é un pequeno municipio de 3.500 habitantes, cunha importante riqueza histórica, etnográfica e paisaxística. Situada nun enclave privilexiado , a desembocadura do Ulla, e no val formado polos montes do Xiabre e a Serra do Barbanza. Parte do seu territorio está protexido pola Rede Natura 2.000. Abundante en recursos de todo tipo que deron lugar á criación dunha puxante actividade económica: telleiras e aserradoiros no pasado; modernas fábricas de gres, ladrillos, conservas e asteleiros no presente. Ben comunicada, está a escasos quilómetros de Vilagarcía, Padrón e Caldas de Reis. Tan só 35 quilómetros a separan de Pontevedra e Santiago, sendas capitais de provincia e comunidade. Chea de elementos patrimoniais e de outro tipo, xa protexidos uns ou merecentes de ser protexidos outros: Torres de Oeste, muíños de río, de vento ou de maré (vén poidera considerarse a capital dos muíños de Galiza, a dicir de prestixiosos estudiosos), Torre de Barral, calzadas romanas, ponte medieval, camiños reais, mámoas, petroglifos,balnearios, lagoa de Pedras Miudas, romarías, Festa da Solla, berce de afamados artístas e un longo etc. Algúns destes recursos constitúen verdadeiros sinais de identidade deste fermoso concello, polo que se coñece fóra das nosas fronteiras: Romería Vikinga, Clube de Piragüismo, Cedonosa ou recoñecidos gaiteiros, por poñer só algúns. Un pobo e un territorio de ensoño, un pobo para vivir tranquilamente , en paz. Pero chegou “o progreso” e uns gobernantes que non souberon nin saben entender as claves do verdadeiro desenvolvemento: aquel que está o servicio da xente, aquel que, partindo do respeto á Natureza, se fai sustentable e humano, aquel que constrúe e colabora co natural, mellorándoo. E así, o que a sabia e nai Natureza nós dou, veu ese falso e inhumano progreso e nolo quitou e inda nolo segue a quitar. Fábricas no leito do río, asteleiros no contorno da praia , parque empresarial na zona do Mirador, depuradora de residuais xunto as casas, centros comerciais tapando o camposanto e burlándose das normas sanitarias e urbanísticas (rompendo a harmonía formada polo propio cemiterio, a igrexa parroquial co seu adro-alameda, a casa do concello e a propia Fonte Gaiteira e elementos patrimoniais anexos ) e un longo etc. Pois, por se todo isto fora pouco, agora vén o non vai máis: O MULTIUSOS, O GAIÁS DE CATOIRA, para maior gloria do noso alcalde e o seu paso á posteridade coma se dun Xelmirez se tratara. Catrocentos e pico de millóns das antigas pesetas para unha nova casa consistorial de catro plantas e un macroauditorio adosado. Quen dá máis? Ninguén. Ningunha persoa sensata se atrevería a tanto, e menos nos tempos que corren. Sobre todo, habendo catro casas de cultura no término municipal. Un auditorio de dimensións acordes coas necesidades e a poboación do concello, podería ser. Inda que estando Vilagarcía ao lado, ou mesmamente Valga, que dispoñen de amplos auditorios, difíciles de manter (programacións costosas) e de encher, ao mellor ben se poderia prescindir del. Pero, o pior no é que se constrúa un auditorio, (o do novo concello sería unha monstruosidade inaceptable, un derroche de moi malos xestores do público), o pior como digo e a ubicación escollida para tan xigantesca obra: a parcela situada ao outro lado do río Catoira na chamada como FONTE GAITEIRA e catalogada na normas urbanísticas do 93 como zona verde. Espazo, todo el, chamado a ser o verdadeiro pulmón verde e zona de lecer, no centro urbano da vila de Catoira. De tal xeito, que todo aquel que se acecara a este pobo ou pasara por el, se encontrase cun verdadeiro parque natural integrado no contorno e atravesado por un río, no que dende sempre as xentes e os gaiteiros se xuntaban nunha perfecta conxunción para disfrute de tod@s. Tamén isto podería ser un actrativo máis e outra das súas señas de identidade. Houbo que recalificar estes terreos para poder edificar, mediante un burdo expediente cheo de inexactitudes, imprecisións e alguna que outra cousa que non se axusta á verdade, para que así a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia lle dera o seu consentimento, cando seis meses antes llo había denegado por unannimidade. Cambalache, presións políticas nas consellerías afíns, coincidencias sospeitosas entre os redactores das normas urbanísticas vixentes, os que están a traballar no novo PXOM e os que redactaron o proxecto de recalificación, ausencias na Comisión Superior… En fin, que se o fiscal lle botase unha ollada ao expediente ou se se prantexase unha denuncia diante da policía autonómica ou mesmo da xustiza, algún que outro non as tería todas consigo. PARQUE DA FONTE GAITEIRA, A PARCELA ENTEIRA; AUDITORIO SI, NOVA CASA DO CONCELLO NON; ARRANXO E AMPLIACIÓN DA ACTUAL CASA DO CONCELLO SI; DICTAME DE PATRIMONIO, XA. Catoira, a 14 de novembro de 2.008 Xosé Ramiro Paz Tarrío, veciño de Catoira. Teléfonos: 676.777.150 ou 986.523.108 Un saúdo.
|
||
|
FONTE GAITEIRA:UN VALADO ECOLÓXICO
Un destes días, o valado que rodeaba a parcela da Fonte Gaiteira, na que se vai a construir o tan discutido MULTIUSOS de Catoira, apareceu pintado dunha chamativa cor verde que a moitos nós sorprendeu. Cal sería o motivo do cambio de face, se o valado era noviño, recén estreado, nós preguntabamos?. Pronto caímos na conta: se trataba de disimulalo e mimetízalo co contorno árboreo da parcela anexa situada xusto detrás, ao outro lado do río. Así,debeu pensar o autor de tal camaleónica ocurrencia, atenuariase o brutal impacto visual que na cidadanía estaba a producir tal valado durante os catro ou cinco anos que van a durar as obras, así como o descomunal desterré que se está a acometer. Se trataría de que a cor verde produxese na xente unha sensación de obra menos agresiva e máis respetuosa co fermoso medio natural e patrimonial que alí hai. Pero, por moito que se queira tapar, non hai cor, nin pantalla que poida disimular a irracional, multimillonaria e faraónica obra que o noso alcalde se empeña en construir alí, coste o que coste e pese a quen pese. Só a el , e a ninguén maís, se lle podía ocurrir tal desatino, pois como ben saben os 3.500 veciños de Catoira, quen manda e decide realmente no Concello é Alberto García e os esus amigos, por certo, sen escano no concello. Inda que, os seus concelleiros serán tamén responsables de cara a posteridade da innecesaria construcción dun novo edificio de catro plantas para unha nova casa do concello, cando o que había que facer é arranxar a que hai e ubicar o auditorio, se é que realmente fai falla e se pode manter, noutro lugar máis apropiado. O malo deste asunto non son as ocurrencias e derroches deste solitario e feudal alcalde, que xa sabemos como é. O malo son aquelas institucións autonómicas e provinciais que, en vez de velar por que esas inxentes cantidades de diñeiro que poñemos nas súas mans para que sexan empregadas con criterios de racionalidade, necesidade e prioridade, non cumplan coas súas obrigas, miren para outro lado e, incluso, se burlen da legalidade. Que están a facer consellerías coma Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Cultura en relación coa recalificación dos terreos e a mesma obra proxectada? Que están a facer organismos coma Augas de Galicia, Patrimonio, Axencia da Legalidade Urbanística ou o mesmo Seprona? Que pasou realmente na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia para que fora adiante unha recalificación a todas luces irregular e ,según prestixiosos entendidos, ilegal? Moitas persoas de Catoira, e tamén de fóra, (maís de 1.500 firmas) queremos saber. Temos dereito a saber.
En Catoira, a 14 de novembro de 2.008
Asdo. JOSÉ RAMIRO PAZ TARRÍO
|