Balneario de Catoira
(por Angeles Sendón)

 
         
   

LocalizaciónFoto do ano 1950
Historia
Arquitectura e urbanismo
Xeoloxía, caudal e temperatura
Indicacións. Xeitos de aplicación

   
         
         
  FICHA BALNEARIA

ORIXE: Moderna PROPIEDADE: Ricardo Dios López

RÚA: Praza do doutor José R. Vázquez TELÉFONO: 986/ 54 60 05

TEMPADA DE APERTURA: Está inactivo durante todo o ano

CARACTERÍSTICAS DAS AUGAS: * Sulfhídricas * Sulfurado- sódicas

TEMPERATURAS: Frías

INDICACIÓNS TERAPÉUTICAS: * Pel * Herpes bucal e xenital * Reuma

 
         
         

LOCALIZACIÓN

O balneario está nun terreo separado da vila pola vía do tren, ó que se accede pola estrada que baixa á nova área recreativa, na ribeira da ría. A herdade co antigo hotel atópase na praza do doutor José R. Vázquez, a carón da estación.

 
         
   

   

HISTORIA

Posiblemente as augas de Catoira son coñecidas de vello, xa que aquí houbo un asentamento romano e sabemos do gusto destes polas augas minerais. Sen embargo, non semella que foran moi concorridas, probablemente debido á súa escasa termalidade.

No ano 1893, foron analizadas por Talegón quen preparou unha memoria para o propietario e avogado de Caldas de Reis, Adolfo Mosquera Castro. En 1907 as augas foron declaradas de utilidade pública.

Daquela desenvolveuse un proxecto empresarial que, incluíu, ademais da creación do hotel balneario, a explotación industrial das augas para fabricación de xabón e sales. Era un xabón sulfuroso, feito a base das augas de Laxiña e Recarén, coa marca Torres de Oeste, que chegou a acadar certa sona en Arxentina. Os sales que se comercializaban tamén tiñan como base as augas medicinais. Ámbolos dous productos chegaron a recibir premios nas exposicións de Londres, Roma e Bos Aires.

No ano 1958, Ricardo Dios López mercou o conxunto balneario, pechándoo en 1970. Desde esa data, o hotel e o terreo quedaron transformados nun lugar de veraneo familiar.

O Concello tentou mercar o balneario no ano 1991 para reabrilo; desgraciadamente o proxecto non fructificou, pero non se descarta que poida xurdir unha nova negociación nun futuro próximo.

 
         
   

   
         
         
         

ARQUITECTURA E URBANISMO

O desenvolvemente arquitectónico do balneario de Catoira nunca chegou a ter a importancia dos outros grandes balnearios da zona.

O antigo hotel era unha construcción de pedra, situada en medio dun terreo de case dúas hectáreas, no centro do núcleo urbano, a uns 200 metros da ría. Tiña 20 habitacións e da súa estructura só sería salientable o comedor-galería.

A cen metros do hotel está o balneario, un modesto edificio de baños de planta baixa, máis en consonancia cun balneario rural que cos grandes balnearios da provincia de Pontevedra.

 
         
   

   
         
         
         
         

XEOLOXÍA, CAUDAL E TEMPERATURA

As augas de Catoira nacen nun terreo granítico, afectado pola falla de dirección NE- SO que dá orixe á ría de Arousa e ó río Ulla. Tivo tres mananciais, estando soterrado o que se atopaba a carón da igrexa. Hoxe en día consérvanse dous: un pequeño manancial preto das Torres de Oeste e o de Laxiñas, que era o que suministraba auga ó balneario. O caudal é cativo e a temperatura fría.

 
          
   

   
         
         
         
         

INDICACIÓNS. XEITOS DE APLICACIÓN

As augas de Catoira tiñan como indicación principal os problemas da pel: eccemas, psoriase... Asemade resultaban particularmente efectivas na cicatrización de úlceras rebeldes, sobre todo nas úlceras varicosas. Outras indicacións ern os trastornos respiratorios,gastro- hepatíticos, as escrufuloses e as enfermidades xenitais da muller.

Eran aplicadas en baños e chorros, quentándose previamente cun sistema especial; pulverizacións e inhalacións para problemas nasais, larínxeos e bronquiais. Tamén, pola súa baixa mineralización, se tomaban en bebida.

 
         
         
 

   

Ir a páx. Principal

   

© E.L.